Noticias y alertas

A exposición ‘O soño cubano da emigración galega’ inaugura os actos polo centenario da Casa Habanera

06/09/2024

A exposición ‘O soño cubano da emigración galega’ inaugurou os actos polo centenario da Casa Habanera de Guitiriz, que deron comezo nesta mañá de venres 6 de setembro, día no que a biblioteca pública municipal cumpriu 100 anos desde a súa apertura.


Ao acto inaugural asistiron a alcaldesa do municipio, Marisol Morandeira, o concelleiro de Cultura, Ramón Rivas, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e tamén contou coa presenza de dous irmáns antigos estudantes da Casa Habanera. Durante a presentación tamén se desvelou unha placa conmemorativa polos 100 anos da inauguración do edificio.


A exposición está cedida polo Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración. Componse de 30 paneis divididos en 10 apartados e que están formados por fotografías, documentos privados e materiais procedentes do asociacionismo galego. A través deles faise un percorrido polo perfil do inmigrante galego en Cuba, retratando temáticas como a chegada e o regreso dos inmigrantes, a situación da muller inmigrante ou os proxectos políticos e publicacións para Galicia xurdidos en Cuba.


Con ela búscase amosar a importancia das escolas habaneras en Galicia, moito máis avanzadas e abertas que as existentes na época e que permitiron o acceso á educación de moitas persoas.


Unha destas escolas foi a Casa Habanera de Guitiriz, un edificio moi importante para o municipio, como mencionou a alcaldesa, Marisol Morandeira, que explicou que “somos uns afortunados porque a xente que emigrou a Cuba decidise construír unha escola aquí”, anunciando posteriormente que ademais desta exposición “haberá máis actos durante o mes de setembro para celebrar o centenario da Casa Habanera”.


A rexedora municipal tamén mencionou que a Casa Habanera é un claro exemplo de que “a cultura galega deixou pegada en Cuba, pero tamén trouxeron cultura cubana para aquí os galegos que estiveron, como amosa esta exposición”.


Na mesma liña, Morandeira destacou o papel do edificio en Guitiriz, xa que “suple moitas veces a falta de auditorio”, comentando tamén que “quixemos poñelo en valor. Hoxe en día ten vida propia, con presentacións, actuacións… Estamos continuamente facendo cousas aquí”.


Pola súa parte, Rosario Álvarez explicou que a exposición “foi ideada cando se ían cumprir 500 anos da fundación de La Habana”, comentando posteriormente que “en Cuba hai unha exposición igual a esta”.


A presidenta do Consello de Cultura tamén afirmou que a Casa Habanera de Guitiriz é un bo exemplo das construcións feitas polos emigrantes, que “son espléndidas e seguen todas en pe, moitas dedicadas ao ensino, a centros culturais, a bibliotecas ou mesmo aos concellos”, caso que ocorre coa de Guitiriz.


Tras a inauguración, a alcaldesa procedeu a desvelar unha placa conmemorativa polos 100 anos da Casa Habanera, situada no interior do edificio ao carón da entrada.


O artigo A exposición ‘O soño cubano da emigración galega’ inaugura os actos polo centenario da Casa Habanera publicouse primeiro en Concello de Guitiriz.


Más Información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies