Noticias y alertas

A XXIX Feira da Cantería, Callos e Artesanía de Parga reunirá a 15 canteiros este domingo

15/07/2024

Este domingo, 21 de xullo, a carballeira de Parga acollerá a XXIX Feira da Cantería, Callos e Artesanía de Parga, organizada polo Concello de Guitiriz e a Asociación de Veciños do Campo da Feira de Parga e na que colabora a Deputación de Lugo e a Comunidade de Montes Santo Estevo de Parga.


Así, na mañá de hoxe, luns 15 de xullo, tivo lugar a presentación institucional do evento na que participaron a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera; o presidente da Asociación de Veciños do Campo da Feira de Parga, Suso Barreiro; e o presidente da Comunidade de Montes Santo Estevo de Parga, Jose Manuel López.


A rexedora quixo agradecer “o esforzo e o compromiso unha vez máis da Deputación de Lugo, por apostar por este tipo de citas que supoñen un importante retorno económico, non só para o Concello, senón tamén para a comarca da Terra Chá e para a provincia”, indicou.


“E por suposto agradecer á Asociación de Veciños do Campo da Feira por organizar xunto ao Concello esta festa, así como á Comunidade de Montes Santo Estevo pola súa colaboración”. Tamén invitou “a todas e todos a que se acheguen o domingo á Carballeira de Parga, para desfrutar da mostra de artesanía, degusten os callos, bailen e participen nos actos programados”.


 “Guitiriz é o Concello da pedra e da auga e por iso queremos apostar por este tipo de festividades que manteñen vivas as nosas raíces e tradicións”, rematou Morandeira.


Pola súa parte, Jose Manuel López agradeceu “ao Concello e á Asociación de Veciños do Campo da Feira de Parga por organizar este certame, como así tamén á Deputación por colaborar para que esta festa poida celebrarse outro ano máis”.


Suso Barreiro quixo dar as “grazas a todas as persoas que durante estes 30 anos esforzáronse por manter viva esta festa. Tamén aproveitou para a ocasión para destacar que “estamos a intentar conseguir que esta festa acade o distintivo de Interese Turístico Galego e que poida seguir medrando e contando con máis recursos”.


Por último, Pablo Rivera destacou que “é un privilexio que a Deputación poida participar neste certame, nun Concello que aposta por manter a tradición e no que se levan a cabo moitas actividades e realizase unha gran labor de dinamización cultural”.


Actividade desde ben cedo


A programación comezará ás 8:30 horas coa apertura do XXVI Certame de Cantería que nesta ocasión reunirá a 15 canteiros e canteiras e no que o primeiro premio está valorado en 750 euros, o segundo de 500 euros e o terceiro de 250 euros. Ás 10:00 horas terá lugar a apertura da Mostra de Artesanía.


Ás 11:00 horas comezarán as actuacións musicais, a cargo dos grupos municipais da banda de música, o grupo de gaitas e a UNED Sénior e tamén estará amenizando a xornada a agrupación Na Casa Zoqueiro e Asubíos da Chaira.


Ás 13:30 horas terá lugar o pregón, que correrá a cargo de Rubén Iglesias Seoane, director do Colexio Santo Estevo de Parga, centro que celebrou este ano o seu 50 aniversario. Rubén Iglesias tamén formará parte do xurado do certame de cantería, que se pechará a esa mesma hora.


O fallo do xurado e a entrega de premios terá lugar ás 14:00 horas.


A partir de media mañá comezará a venda das racións de callos e tamén haberá polbo e churrasco.


Logo, pola tarde, a partir das 16:00 horas, celebrarase o campionato galego de Andadura federada 2024, que inclúe: cabalos novos, menos de 150 serrada, menos de 150 chapeada, máis de 150 serrada, sub-16 e máis de 150 chapeada. Este campionato repartirá un total de 1.800 euros en premios.







O artigo A XXIX Feira da Cantería, Callos e Artesanía de Parga reunirá a 15 canteiros este domingo publicouse primeiro en Concello de Guitiriz.


Más Información

Cerrar [X]Uso de cookies

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y recopilar datos estadísticos sobre hábitos de navegación. El uso de cookies es necesario para la notificación de incidencias. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies